30 nov 2013

AGE esixe ao goberno galego o cese inmediato da secretaria xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, imputada penalmente por prevaricación

Alternativa Galega de Esquerda esixe o cese inmediato da secretaria xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, imputada penalmente polo delito de prevaricación (ampliable a cohecho) en relación co expediente da licenza de obra outorgada ao edificio da Rúa Progreso, cando exercía as funcións de Xerente de urbanismo no concello de Sanxenxo. O deputado Antón Sánchez considera inxustificable que o goberno galego manteña no seu cargo a esta persoa alegando que dita secretaria xeral non forma parte do goberno da Xunta algo totalmente insostible desde o punto de vista político e unha auténtica tomadura de pelo á sociedade.

O nomeamento da secretaria xeral é competencia da presidencia da Xunta, a proposta do conselleiro respectivo e logo de deliberación do Consello da Xunta. E a secretaria xeral de urbanismo é un órgano superior de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, directamente responsable da execución da acción de goberno no sector de actividade específica da consellería correspondente ás súas competencias, baixo a dirección da persoa titular destam nos termos fixados pola lei de organización e funcionamento da Administración Xeral e do sector público autonómico de Galicia, e polo correspondente decreto de estrutura orgánica. As persoas titulares das secretarias xerais dirixen e coordinan as direccións xerais previstas neste decreto correspondentes ao seu ámbito de actividade.


En consecuencia, tal e como destacou o deputado Antón Sánchez, unha secretaria xeral como é Encarnación Rivas, non é goberno pero é a persoa directamente responsable de executar a acción do goberno en materia de ordenación territorial e urbanismo, ostentando elevadas competencias e funcións executivas en dita materia, a da ordenación territorial e urbanística, que necesariamente obriga a persoa que as teña atribuídas non estea directamente relacionada, como partícipe directa, en actuacións contrarias á legalidade urbanística, algunhas delas xa depuradas na vía contencioso-administrativa e outras en trámite na vía penal, razón pola que Encarnación Rivas ten que ser a xuízo de Alternativa Galega de Esquerda cesada de xeito inmediato por parte do goberno galego. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario