20 feb 2014

Referendo 23 de Frebreiro

ANOVA SANXENXO acude este Domingo a votar no Referendo a toda a militancia de ANOVA-IN Desde a ANOVA-Sanxenxo defendemos este tipo de referendos de consulta a toda a militancia e animamos a participar a todos na democracia, a participación en votación, ademáis de participar nas asembleas abertas convocadas localmente.

18 ene 2014

ANOVA – IN DE SANXENXO LAMENTA O PECHE DO DISPENSARIO DE ATENCIÓN A DROGODEPENDENTES DE PORTONOVO - SANXENXO.



Reprocha ao Concello que non tomará ningunha medida para manter a atención e que agora os usuarios dese Servizo teñan que desprazarse ata O Grove.



No pasado mes de decembro os usuarios do Dispensario de Atención a Drogodependentes de Portonovo - Sanxenxo recibían unha carta na que se lles informaba do peche do servizo; e que a partir de xaneiro deberían acudir ao Servizo Preventivo Asistencial de Drogodependencias do Grove.  Segundo se mencionaba na carta o motivo do peche era o cese do Convenio asinado entre os Concellos de Sanxenxo e do Grove, polo cal se posibilitaba a atención aos usuarios residentes en Sanxenxo nun Dispensario habilitado no edificio de Servizos Sociais que o Concello de Sanxenxo ten en Portonovo (Rúa Rafael Picó)

Segundo os datos que puido recabar o Grupo local de ANOVA – IN en Sanxenxo este convenio consistía por un lado en que o Concello de Sanxenxo cedía uns locais para que os Terapeutas do SPAD do Grove se desprazasen a Portonovo e prestasen atención a persoas residentes en Sanxenxo con problemas de consumo de sustancias ou alcohol (sen ningún coste para o Concello de Sanxenxo) e, por outro lado, no financiamento do persoal preciso para atender un dispensario sanitario dende o que se dispensaba a metadona e medicación aos usuarios/as, atendiase intercambio de xeringas – vacinacións e analíticas dos pacientes.  Todos estes servizos constituían unha “atención integral” a persoas con problemas de drogas ou alcohol do Concello de Sanxenxo, non lle supuñan un costo superior a 15.000 € ano ao Concello de Sanxenxo e segundo os datos rexistrados polo SERGAS prestaba servizo a máis de 80 usuarios de xeito continuado.

Co peche do Dispensario teñen que desprazarse ata O Grove, tanto para consultas cos profesionais, como para recoller a medicación e demáis servizos socio-sanitarios que se prestan dende o SPAD do Grove.  Esto supón en primeiro lugar un coste económico para moitos usuarios e familias afectadas que non dispoñen de moitos recursos económicos, supón tamén o trastorno de ter que desprazarse varias veces ao mes ata O Grove coas dificultades de comunicación pública entre os dous Concellos e ademáis sobrecargase o Centro do Grove, ao ter que asumir a proboación dos Concellos de Sanxenxo e Meaño.

Dende ANOVA – IN Sanxenxo criticamos que dende o Concello de Sanxenxo non se moverá un dedo para evitar o peche do Dispensario e lembramos que unha das prioridades dun Concello e atender as necesidades sociais e básicas dos vecinos. Entendemos que o costo do dispensario non supuña unha enorme carga e se o problema son os recortes de axudas que á Consellería de Sanidade está a someter aos Centros de Atención a Drogodependencias, non entendemos como polo menos se intentou manter a atención terapéutica nas dependencias de Servizos Sociais por parte dos profesionais do SPAD do Grove, facilitándolle así aos usuarios/as o poder asistir a consultas e non tendo que desprazarse tan a miudo ata O Grove.




 
Non é de recibo que nos falen de investimentos de centos de miles de euros en Pousadas ou paseos marítimos, de inicio da recuperación económica, … e logo sexan incapaces de xestionar a continuidade dun servizo básico para a saúde e o benestar dos vecinos de Sanxenxo afectados pola problemática da drogodependencia.

Parece que o Partido Popular de Sanxenxo comparte a estratexia do PP de Galicia e do estado, para os cales a saída da crise faise recortando servizos e dereitos aos cidadáns.  Todos os días asistimos baixo a escusa da austeridade a anuncios de recortes en Sanidade, como o copago dos medicamentos,  en Educación, co recorte das becas ou en Servizos Sociais coa reducción das axudas e agora en Sanxenxo os usuarios/as do Dispensario de At. a Drogodependentes terán que asistir ao peche do Dispensario e asumir o desprazamento ata O Grove co deterioro na calidade da atención que eso pode supor e todo sen que o equipo de gobernó e a alcaldesa Catalina Gonzalez de explicacións sobre esta decisión e tampouco ofreza ningunha alternativa.

7 dic 2013

ANOVA PIDELLE AO PP QUE ASUMA RESPONSABILIDES POLÍTICAS POLA DESFEITA DA XESTIÓN URBANÍSTICA DE SANXENXO

Pide que a investigación xudicial implique tamén aos responsables políticos que “planificaron” o modelo urbanístico que está a provocar os problemas actuais.

A Asemblea local de ANOVA – Irmandade Nacionalista en Sanxenxo, a vista da imputación xudicial da Alcaldesa, Catalina Gonzalez, do ExConcelleiro de urbanismo, Juan Casal e de varios técnicos que tiveron responsabilidades na xestión urbanística do Concello de Sanxenxo, entre eles a actual Directora Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, quere facer públicas as seguintes consideracións:

Con respecto a investigación xudicial, ANOVA entende perfectamente a diferencia entre estar imputado, procesado ou condenado, e por eso neste momento da instrucción o que corresponde e solicitar “luz e taquigrafos”, para que a investigación chegue ata o final, e se poida identificar a todos os responsables, tanto técnicos como a nivel político, non só destes casos, senón de toda a desfeita urbanística que se cometeu no Concello de Sanxenxo nos últimos anos.        

Para ANOVA esta situación é consecuencia directa dos “delirios de grandeza” do anterior alcalde Telmo Martín que o levaron a aprobar (co apoio “entusiasta de todo o PP local, entre os que estaba a actual alcaldesa) un PXOM, non pensado para atender as necesidades dos veciños e favorecer o crecemento ordeado de Sanxenxo, senón máis ben para o beneficio de determinados intereses persoais e especulativos.   So así pode entenderse que nese PXOM se incluirán mais de 30 Suelos Urbanizables e Desarrollos urbanísticos,  a maioría deles feitos “a dictado” de promotores.

Así podemos citar todo o conflicto que trouxo a pretendida “Ronda” de Sanxenxo, trazada a espaldas dos veciños e “ao gusto” dos promotores.  Aquelas choivas traen agora estes lodos poderiamos afirmar…. así podemos ver como nos últimos anos se lle acumulan ao Concello as denuncias e sentencias en contra con indemnizacións incluidas.  Exemplos como o do SU-13 en Montefaro onde o Concello ten que devolver 3,8 millóns de euros pola non aprobación en tempo do proxecto de urbanización, ou a indemnización de 500.000 euros para os chalets de Dorrón agora investigados.  Mencionar tamén os problemas de desenvolvemento do SU de Dorrón – Festiñanza con terreos urbanizables encima do mar afectados por costas ou o “bluf” do SU nº 5 de Seixas – Padriñán polo cal o Concello de Sanxenxo ía a recibir unha “cidade deportiva” e ao final quedou en “auga de borrallas”. 

Estas son algunhas das consecuencias que trouxo para Sanxenxo ese modelo “desarrollista”,  que ao final está ter como consecuencia indemnizacións millonarias e costes xudiciais que están a pagar os veciños cos seus impostos.  Este exemplo de “burbulla” que paradoxicamente provocou que moitos veciños de Sanxenxo non puideran construir vivendas ou acceder a algun piso polos seus elevados prezos, tendo que marcharse a vivir a vilas veciñas, mentres moitos promotores urbanísticos pretendian facer o agosto e o Concello vendia fume en forma de Campos de golf ou cidades deportivas que so chegaron a existir nos carteis.


Esta desfeita urbanística ten uns responsables, todos e cada un dos sucesivos gobernos do PP en Sanxenxo, cos seus acaldes a cabeza, Telmo Martín primeiro e Catalina Gonzalez despois, que dende ANOVA coidamos que deben asumir responsabilidades políticas por que Sanxenxo xa empece a ser coñecida como a “Marbella galega”, con toda a mala imaxe que esta cuestión pode supoñer para un Concello turístico como o noso. Tamén pedimos que os responsables provinciais e galegos do Partido Popular (Sres. Louzán e Rueda) se pronuncien a respeito de se este e o modelo urbanístico que defendes para os Concellos galegos.


Por eso compartimos e aplaudimos a iniciativa rexistrada polo Grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (coalición na que se integra ANOVA) a semana pasada, no sentido de pedir ao goberno galego que aparte das súas funcións a Encarnación Rivas, actual Directora Xeral de urbanismo da Xunta de Galicia e tamén imputada polo xulgado por ser no seu momento directora da Xerencia de Urbanismo do Concello de Sanxenxo, responsable de informar favorablemente estas licenzas, e ademais por participar logo, dende o seu posto de Directora Xeral no procedemento de aprobación da modificación puntual do PXOM que tiña como finalidade “legalizar” o edificio construido na rúa Progreso…


Para ANOVA e máis que evidente que esta persoa, a vista destas imputacións, non pode seguir a ter atribuidas as competencias e funcións executivas en materia de urbanismo e ordenación territorial da Xunta de Galicia. (achégase copia da nota de prensa e da PNL presentada polo deputado Antón Sánchez no parlamento galego).

30 nov 2013

AGE esixe ao goberno galego o cese inmediato da secretaria xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, imputada penalmente por prevaricación

Alternativa Galega de Esquerda esixe o cese inmediato da secretaria xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, imputada penalmente polo delito de prevaricación (ampliable a cohecho) en relación co expediente da licenza de obra outorgada ao edificio da Rúa Progreso, cando exercía as funcións de Xerente de urbanismo no concello de Sanxenxo. O deputado Antón Sánchez considera inxustificable que o goberno galego manteña no seu cargo a esta persoa alegando que dita secretaria xeral non forma parte do goberno da Xunta algo totalmente insostible desde o punto de vista político e unha auténtica tomadura de pelo á sociedade.

O nomeamento da secretaria xeral é competencia da presidencia da Xunta, a proposta do conselleiro respectivo e logo de deliberación do Consello da Xunta. E a secretaria xeral de urbanismo é un órgano superior de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, directamente responsable da execución da acción de goberno no sector de actividade específica da consellería correspondente ás súas competencias, baixo a dirección da persoa titular destam nos termos fixados pola lei de organización e funcionamento da Administración Xeral e do sector público autonómico de Galicia, e polo correspondente decreto de estrutura orgánica. As persoas titulares das secretarias xerais dirixen e coordinan as direccións xerais previstas neste decreto correspondentes ao seu ámbito de actividade.


En consecuencia, tal e como destacou o deputado Antón Sánchez, unha secretaria xeral como é Encarnación Rivas, non é goberno pero é a persoa directamente responsable de executar a acción do goberno en materia de ordenación territorial e urbanismo, ostentando elevadas competencias e funcións executivas en dita materia, a da ordenación territorial e urbanística, que necesariamente obriga a persoa que as teña atribuídas non estea directamente relacionada, como partícipe directa, en actuacións contrarias á legalidade urbanística, algunhas delas xa depuradas na vía contencioso-administrativa e outras en trámite na vía penal, razón pola que Encarnación Rivas ten que ser a xuízo de Alternativa Galega de Esquerda cesada de xeito inmediato por parte do goberno galego. 

21 nov 2013

A xestión de Núñez Feijóo fai que Galiza perda autonomía financeira

O deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Antón Sánchez, denunciou o espectacular incremento da débeda autonómica dende que Alberto Núñez Feijoo chegou á presidencia da Xunta de Galicia, que provocou o conseguinte incremento do custe anual do servizo da débeda aos galegos e galegas que ten consecuencias sobre a redución do gasto non financeiro e sobre a perda de autonomía financeira de Galiza, todo o contrario do que presume o Partido Popular.
No proxecto de Orzamentos da Xunta para o 2014, en trámite, o importe do total de operacións correntes (capítulos I ao V) : é de 7.213,8 millóns de euros e a suma de amortización capital e gastos financeiros da sección 22 (custo servizo débeda) é de 2.071,1 millóns de euros, polo cal a porcentaxe de custo da débeda sobre as operación correntes é de 28,71%, superior, por tanto, ao límite máximo do 25% que determina o art. 30.2 do DL 1/1999, Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (*)
O límite do 25% sobre os ingresos correntes sería de 1.803,5 millóns de euros, polo cal os Orzamentos excédense na sección 22 (custo do servizo da débeda) en 267,6 millóns de euros sobre o límite normativo que fixa a lexislación autonómica.
O incremento do custo do servizo da débeda (que case duplica ao do exercicio 2013) está causado tanto polo incremento dos gastos financeiros como, moi especialmente, polo incremento do endebedamento neto (que medra 115 millóns respecto do 2013, un 18% mais).
Consecuencia de dito incumprimento é que no 2014 todas as emisións de débeda da Xunta deben ser previamente autorizadas polo Estado (**).
Para Alternativa Galega de Esquerda resulta sorprendente ao respecto que nin na Memoria dos Orzamentos nin no Informe Económico-Financieiro se conteña a máis mínima referencia ao incumprimento do límite máximo do 25% que fixa a normativa autonómica de réxime económico-financieiro nin ao feito de como consecuencia de dito incumprimento as emisións de débeda da Xunta teñan que ser previamente autorizadas polo Estado.
“Pese a que o señor Nuñez Feijoo presume de non ter que recorrer ao Fondo de Liquidez Autonómico, por unha suposta solvencia da Xunta de Galicia, e que con iso nos financiamos máis barato, a realidade é ben distinta á que nos pinta un presidente demasiado acostumado a mentir” declarou o deputado Antón Sánchez.
O Consello de Ministros do pasado 31 de outubro acordou autorizar á Xunta a formalizar préstamos a longo prazo (podes comprobar no enlace) en moeda distinta do euro e emitir débeda pública por importe de 257.588.000 €. Ditas operación de endebedamento teñen por finalidade o financiamento do déficit orzamentario do exercicio 2013, acordado no Consello de Política Fiscal e Financeira do pasado 31 de xullo.
No DOG de hoxe publícase as condicións de dita emisión, a un tipo de interese do 2,75%(podes comprobar no enlace). Dito tipo de interese é superior ao tipo de interese da débeda equivalente do Estado (tipo de interese dos bonos do Estado a tres anos da última poxa : 2,064 %).
E non só iso senón tamén superior á emisión recente de débeda doutras comunidades autónomas, caso, por exemplo, da de Canarias, cun tipo de interese nominal fixo do 1,75%.(podes comprobar no enlace)
Por todo elo AGE, a través do seu deputado Antón Sánchez, rexistrou no Parlamento unha interpelación para que a Xunta de Galicia aclare a situación do financiamento da débeda e do seu custo. O goberno da Xunta debería explicar e xustificar como nunha situación de descenso dos tipos de interese do mercado da débeda pública nos Orzamentos do 2014 os gastos financeiros medran nun 18% respecto do 2013. “O interese do señor Feijoo de vender unha imaxe falsa da súa xestión económica pagámola todos e todas os galegos e galegas en forma de máis custo da débeda e menor gasto social” sinalou o deputado Antón Sánchez.
(*) O art. 30.2 do vixente Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en relación coa débeda, dispón que “A contía das anualidades de amortización, incluído capital e xuros, non poderá exceder do 25% dos ingresos correntes previstos nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma en cada ano”.
(**) A Disposición Transitoria Terceira da LO 2/2012, de estabilidade orzamentaria habilita temporalmente (ata 2020) a non aplicación do límite do 25% fixado no art. 14.2 da LOFCA, pero requerindo para elo a concurrencia de circunstancias económicas extraordinarias e que o seu obxectivo sexa a cobertura dos servizos públicos fundamentais e precisando, ademáis, que nese suposto as operación de débeda deben ser previamente autorizadas polo Estado.

18 nov 2013

PARADE!!!

“Nenos, nenas…XOGADE!” Cantas veces temos escoitado esa frase, ou algo similar, na nosa infancia. O deporte é algo fundamental na nosa vida, nos acompaña dende cativos que é cando estamos máis activos e sempre vai ligado a nós como un método san e beneficioso pra a nosa saúde, autoestima, desenrolo social,… Na escola foméntano en forma de asinatura, Educación Física, no cal nos instrúen na práctica de diversas disciplinas (fútbol, baloncesto, vollei, bádminton,…).

Nestes tempos que nos toca vivir, todo semella que é ao contrario; unha nova medida tomada pola Xunta, gobernada por un PP tiránico e incompetente, obriga á paralización de toda actividade futbolística das categorías base (adestramentos e competicións dende cadetes ata prebenxamíns). A razón é a prórroga do seguro médico deportivo do PROGRAMA XOGADE (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar), impedindo a práctica do fútbol ao arriscar aos clubs a correr eles cos altos gastos médicos dos seus xogadores no caso de se mancar. O devandito programa naceu pra apoiar aos equipos en categorías base de distintas modalidades deportivas pra cubrir o pago da mutualidade, o que supón un alivio pra a economía de moitos clubs; sempre houbo a ameaza durante varias tempadas de que esta axuda desaparecería, e semella que desta vez cumpriuse. Analizando a situación, as consecuencias directas, serían as seguintes: os xogadores con ficha en vigor do ano anterior teñen a asistencia médica cuberta ata decembro, ao estar contratado un ano natural grazas á tempada pasada, o problema radica nos novos xogadores, eles son quenes non terían ningún dereito ao retirárselle automáticamente o seguro.

Esta decisión afectará a milleiros e milleiros de menores galegos que comezaban con toda a ilusión do mundo esta tempada, e que de noite pra mañá poderían verse sen equipo, e o máis preocupante, os gastos dos pais e nais e principalmente dos equipos que xa están realizados.

A Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Deporte, sendo cómplice das prácticas recortantes provintes de Madrid, non está apoiando á realización do deporte en xeral a todos os niveis, menosprezando disciplinas frente a outras, favorecendo uns equipos frente a outros, mantendo cargos, exercendo o enchufismo “por doquier”, as taxas abusivas das federacións, os prezos das entradas aos ximnasios,… Acaso alguén pensa que é unha boa xestión do deporte? Isto traerá consecuencias nas persoas de non favorecer á súa práctica: fomento do sedentarismo, enfermidades cardiovasculares, baixa autoestima, depresión, problemas para durmir, sensación de cansancio, problemas de relacións sociais, obesidade,…

A práctica do deporte non pode faltar nas nosas vidas e dende cativos haina que fomentar. É un deber da sociedade pra ter un futuro san.

15 nov 2013

Anova apoia as concentracións contra a sentenza do Prestige: NUNCA MÁIS!

"Estamos ante unha absolución de toda responsabilidade á administración e ao poder político que contan cunha impunidade total para poder cometer o crime que queiran cometer deixando na máis absoluta indefensión aos cidadáns" - sinalou Xosé Manuel Beiras. Estamos ante unha sentenza absolutamente indecente, que chega despois de once anos dunha catástrofe ambiental de magnitudes inconmensurábeis e a xustiza non atopa responsábeis penais -nin ao parecer de ningún tipo- e como resultado tampouco responsabilidades subsidiarias dunha administración incompetente. Estamos ante unha grave inxustiza cometida pola propia administración de xustiza. 

Como dixo ao coñecer esta sentenza o Portavoz Nacional de ANOVA Xosé Manuel Beiras: "Parece que estamos ante unha catástrofe natural, unha sorte de imponderable desastre no canto dunha irresponsábel actuación dunha administración que como no caso recente do accidente de Angrois busca un chibo expiatorio no maquinista, cousa que neste caso nin sequera posto que exonera a todos os actores da máis mínima responsabilidade. Lembremos que daquela o vicepresidente Rajoy, hoxe presidente do Goberno Español é o principal responsábel, o famoso "señor de los hilillos" de plastilina, cando sobre as nosas costas ameazaba a máis enorme marea negra da nosa historia. Estamos ante unha absolución de toda responsabilidade á administración e ao poder político que contan cunha impunidade total para poder cometer o crime que queiran cometer deixando na máis absoluta indefensión aos cidadáns". Dende ANOVA entendemos que as forzas políticas e a cidadanía debemos nun xesto de dignidade apoiar o recurso desta sentenza en alzada para impedir que semellante crime quede impune.

Por iso, Anova apoia as concentracións que se celebran hoxe, venres 15 de novembro, en protesta contra a sentenza polo Prestige. Na Comarca do Salnes habera concentracións nos concellos de Vilagarcía e do Grove.

Porque hai que volver exercer a dignidade: NUNCA MÁIS!