5 jul 2013

Anova Sanxenxo esixe que se proceda ao remate das obras de urbanización e dotación do Polígono Industrial de Nantes.

Lembra que o Concello quedouse no 2011 co aval da empresa urbanizadora, por valor de 2.585.000 €, polo que ten a obriga de poñer o Polígono en funcionamento. Todos os veraneantes que nestas semanas se achegen a Sanxenxo, sorprenderanse de ver a entrada do Concello un taboleiro de pistas, farolas e beirarúas rodeando parcelas vacias e cheas de maleza… Se preguntan saberán que se trata do esqueleto do Polígono Industrial de Nantes e achacarán o seu abandono aos efectos da crise, sen saber que, neste caso, o principal responsable nestes momentos da situación destes terreos non é outro que o Concello de Sanxenxo.
 
O Polígono Industrial de Nantes, o único existente no Concello de Sanxenxo, foi delimitado no PXOM do ano 2003, e no 2005 creouse a Xunta de Compensación para o desenvolvemento do mesmo: 630.000 metros de terreo, 405.000 edificables, dos cales 40.000 serían para o propio Concello de Sanxenxo. Previsións de xerar aproximadamente 3.500 postos de traballo directos, novas na prensa de que había importantes empresas interesadas (como por exemplo a fabrica de baterías de Mitsubishi…), pero 8 anos despois, o único que hai son rúas vacias e parcelas a monte… Ata o 2011 a responsabilidade da urbanización e desenvolvemento do Polígono corre a cargo da Xunta de compensación, da que o Concello tamén forma parte, que encarga as obras a BRUESA. A empresa deposita un aval no Concello de Sanxenxo por 2.585.000 para garantir o adecuado desenvolvemento da obra, pero no ano 2011 BRUESA e víctima da crise do sector inmobiliario, polo que non é capaz de rematar a urbanización do Polígono.

4 jul 2013

AGE esixe á Xunta que remita ao Parlamento o expediente da fusión das caixas e deixe de ocultar información

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) volve denunciar o ferrollo que o Partido Popular e a Xunta que ocupa deita sobre a comisión parlamentaria de investigación sobre as caixas de aforro. Unha das máis evidentes probas deste pano de escuridade é que, entre os 33.000 folios de documentación remitida polo Goberno galego ao Parlamento, non se atopa o expediente administrativo completo asinado pola exconselleira de Facenda Marta Fernández Currás e que sería a autorización do Executivo do señor Núñez á fusión. Fernández Currás, a maiores, negouse a comparecer na comisión. AGE agarda que a intervención do señor Núñez mañá no órgano parlamentario sirva para explicar esta decisiva ocultación de documentos.
Esta manobra da Xunta ten como único obxectivo agochar as responsabilidades do Goberno do PP na desfeita en que acabaron as caixas galegas de aforros. Porque a fusión, contra todos os embustes do señor Núñez e dos seus secuaces relatados ao longo de meses e meses, non foi avalada por informe nin auditoría ningúns. É máis, o documento co que o PP argumentou a súa aposta a prol da fracasada fusión, a que denominaba “auditoría de KPMG”, nin era unha auditoría nin afirmaba necesidade de fusión ningunha. A Xunta e a Consellaría de Facenda nin sequera enviaron á comisión parlamentaria o informe que recolle as condicións dese traballo contratado polo departamento de Fernández Currás.  
AGE esixe de novo que o Goberno do señor Núñez abandone esa querenza enfermiza pola mentira e achegue, dunha vez por todas, a documentación completa sobre o acontecido coas caixas de aforro. Así, ademais, estaría máis preto aclarar a estafa das participacións preferentes e subordinadas, que observan frustrados o paripé e o teatriño en que o PP e o seu grupo parlamentario converteron a comisión de investigación das caixas.

3 jul 2013

anova Sanxenxo pìdelle o concello que deixe de esnaquizar o turismo

A falta de capacidade do concello mostra unha vez mais tanto nas praias, que a pesar de ter bandeira azul, nestas datas en pleno verán todavía non teñen nin balizamento nin socorristas, esperemos que con toda esta falta de seguridade non se produza nada grave nos areais, ademais de todo isto, o concello non lle chega coa crise que existe que está a propoñerse acabar con todo o turismo que se achega a este concello realizando obras en pleno auxe turístico producindo un malestar que a ninguén lle gustaría atoparse nas súas vacacións.E indecente que a 3 de xullo as rúas do centro do pobo están cerradas por obras, por iso dende ANOVA Sanxenxo pedímoslle ó goberno local, que deixe de esnaquizar o pobo e todas as súas fontes de ingresos.

2 jul 2013

A Consellaría de Mar ten que facer cumprir a sentenza de Cuca para que repoña as traballadoras no seu posto

“A conselleira do Mar ou non está axeitadamente informada ou estivo dende o principio coa empresa e contra as traballadoras”. Estas son as únicas dúas explicacións que atopa o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Juan Fajardo á actitude da Xunta no conflito das traballadoras de Conservas Cuca, Vilaxoán, contra a propiedade da empresa. A responsábel de Mar, Rosa Quintana, afirmou no Parlamento que non presionaría para cumprir unha sentenza que obrigaba á compañía a repoñer as operarias no seu posto de traballo mentres o ditame non fose firme. “Pero a conselleira ou está mal informada ou ao servizo da empresa”, expón Fajardo, “porque as sentenzas sobre ERE son executábeis dende o primeiro momento”. O xulgado do Social número 2 vén de reclamar a execución inmediata da mencionada sentenza.


1 jul 2013

O PP acosa á flota de baixura e reprime aos cefalopodeiros

A represión aos traballadores intensifícase. Esta mañá os autodenominados antidisturbios cargaban contra os
cefalopodeiros ás portas de San Caetano, en Santiago de Compostela. Os mariñeiros protestaban contra o novo decreto do polbo e a resposta da Xunta foi enviar á policía contra traballadores que defenden o seu traballo. “O PP acosa a flota de baixura”, denuncia o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Juan Fajardo, “e emprega o delegado do Goberno para reprimir”.

Pero non foron os paus desta mañá os únicos que os Gobernos reaccionarios deron aos mariñeiros. Fajardo asegura que os métodos represores utilízanse con máis frecuencia da coñecida e que nos peiraos dáse un día si e outro tamén. “O exceso de celo e as medidas desmesuradas no control dos cefalopodeiros e de toda a flota de baixura contrastan coa permisividade noutras cuestións”, sinala o parlamentario de Alternativa, quen lembra, ademais, as nefastas actuacións do delegado do Goberno, Samuel Juárez, que “xa debería estar dimitido”. Juárez atópase á cabeza da escalada policial represora contra traballadores e activistas dos últimos meses en Galicia.
Fajardo reclama da conselleira de Mar, Rosa Quintana, unha xuntanza urxente do sector alén do Consello de Pesca para reparar o dano dun decreto, o do polbo, imposto de maneira unilateral polo Goberno galego e para procurar un acordo satisfactorio.

26 jun 2013

AGE acusa a Feijóo de ser un “rei Midas ao revés” e acabar coas caixas de aforros

A viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, acusou ao presidente da Xunta de “ser un rei Midas ao revés” e acabar coas caixas de aforros. Todo isto adobiado coa habitual restra de mentiras e medias verdades que engalanan a acción de goberno do señor Núñez e os seus secuaces. Foi na última sesión de control ao xefe de Executivo no actual período de sesións, cando Alternativa preguntou arredor da súa estraña querenza por ocultar información ao Parlamento de Galicia. “Cantos escritos debemos presentar para coñecer os contratos da Xunta co seu amigo narco Marcial Dorado”, interrogou Díaz. Por suposto, Feijóo non se deu por aludido.

“Vostede minte, minte e minte”, insistiu a viceportavoz de AGE, desta volta en relación á actitude do Goberno do PP na fusión e posterior desaparición das caixas de aforros. “Vostede dixo que a de KPMG era unha auditoría e que avalaba a fusión. Pois ben, nin era unha auditoría, que era un caderno de vendas, nin recomendaba unha fusión”. Díaz tamén lembrou que esa falsa auditoría custou 1.300.000 euros de todas as galegas e galegos e que o Goberno non permite o acceso público á mesma.
A viceportavoz explicou, ademais, que en marzo de 2010, cando se realizou o informe de KPMG, “todo o mundo sabía que as preferentes eran produtos tóxicos” e, aínda así, no caderno de vendas de KPMG recomendaban vendelas para facer fronte aos problemas das caixas. Alternativa Galega de Esquerda non se considera atinxida pola declaración de “segredos” dos papeis solicitados pola comisión de investigación das caixas no Parlamento e Yolanda Díaz anunciou que o grupo parlamentario difundirá publicamente esa información.

20 jun 2013

A retirada de 30 accesorios do catálogo do Sergas é un novo ataque ao dereito á saúde

A retirada de 30 accesorios do catálogo do Sergas é, segundo a deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Eva Solla, un novo ataque ao dereito á saúde da cidadanía. O pasado un de maio a Consellaría de Sanidade anunciou a redución de medicamentos e accesorios sufragadas polos cartos públicos, amparándose en que o Estado deixaba de financialos. Esta tarde, na comisión parlamentaria 5ª, en resposta a preguntas da parlamentaria Eva Solla, a Xunta volveu empregar esa escusa para xustificar a continuación do labor de zapa que realiza o Goberno do señor Núñez sobre a sanidade pública.


“A que está a xogar a Consellaría de Sanidade coa xente”, preguntouse Solla, “por que existe algún estudo previo do
impacto desta medida? Van compensar as rendas baixas?”. Todas as cuestión caeron en saco roto, porque o enviado do Sergas ao Parlamento parapetouse tras a decisión do Executivo de Rajoy, como se non fose o PP quen goberna en San Caetano e na Moncloa. “Á xente válelle de algo  que vostede recite a lexislación estatal?”, insistiu a deputada de AGE, “porque en realidade vostedes atacan os máis febles e logo aínda veñen ao Parlamento a dicir que defenden a vida”.

A medida aprobada polo Sergas implica que quedan fóra do catálogo accesorios como as cámaras de inhalación pediátrica –que custan uns 40 euros e que os pediatras dos centros de saúde públicos piden ás familias para poder reutilizalos-, os apósitos para traqueotomías ou as sondas vexigais de baixa fricción –que poden chegar a custar ao paciente 200 euros ao mes