5 jul 2013

Anova Sanxenxo esixe que se proceda ao remate das obras de urbanización e dotación do Polígono Industrial de Nantes.

Lembra que o Concello quedouse no 2011 co aval da empresa urbanizadora, por valor de 2.585.000 €, polo que ten a obriga de poñer o Polígono en funcionamento. Todos os veraneantes que nestas semanas se achegen a Sanxenxo, sorprenderanse de ver a entrada do Concello un taboleiro de pistas, farolas e beirarúas rodeando parcelas vacias e cheas de maleza… Se preguntan saberán que se trata do esqueleto do Polígono Industrial de Nantes e achacarán o seu abandono aos efectos da crise, sen saber que, neste caso, o principal responsable nestes momentos da situación destes terreos non é outro que o Concello de Sanxenxo.
 
O Polígono Industrial de Nantes, o único existente no Concello de Sanxenxo, foi delimitado no PXOM do ano 2003, e no 2005 creouse a Xunta de Compensación para o desenvolvemento do mesmo: 630.000 metros de terreo, 405.000 edificables, dos cales 40.000 serían para o propio Concello de Sanxenxo. Previsións de xerar aproximadamente 3.500 postos de traballo directos, novas na prensa de que había importantes empresas interesadas (como por exemplo a fabrica de baterías de Mitsubishi…), pero 8 anos despois, o único que hai son rúas vacias e parcelas a monte… Ata o 2011 a responsabilidade da urbanización e desenvolvemento do Polígono corre a cargo da Xunta de compensación, da que o Concello tamén forma parte, que encarga as obras a BRUESA. A empresa deposita un aval no Concello de Sanxenxo por 2.585.000 para garantir o adecuado desenvolvemento da obra, pero no ano 2011 BRUESA e víctima da crise do sector inmobiliario, polo que non é capaz de rematar a urbanización do Polígono.

No 2011 prodúcese un cambio importante, en Xuño o Concello de Sanxenxo acorda a “incautación” do aval “por incumprimento de prazos”. Dende setembro de 2011 o Concello dispón do diñeiro entregado por BRUESA en concepto de garantía e asume o rol de AXENTE URBANIZADOR e a responsabilidade de rematar as obras pendentes para recepcionar o Polígono e permitir a instalación de empresas… Cales son estas obras?: pois básicamente, tramitar os permisos correspondentes e realizar a conexión eléctrica a rede xeral e das distintas parcelas do polígono e realizar a conexión do saneamento a Estación Depuradora de Augas Residuais de Dena. Para todo eso o Concello dispón dos 2.585.000 euros que non poden ademais ser destinados para outro fin, xa que foron aportados pola empresa urbanizadora para responder dos incumprimentos. Que pasa dende 2011?: Pois na práctica que o Concello de Sanxenxo non fai nada, sen mover nin un papel nin axilizar a contratación das obras e nin sequera realizar unha mínima labor de mantemento, co que se agravou a situación de abandono do polígono. Eso sí, o que non faltaron foron as promesas de inauguración, primeiro no verán de 2012, e logo na semana santa de 2013…. Nas últimas semanas a pacencia dos propietarios e membros da Xunta de Compensación parece que se agota definitivamente, e ameazan con denunciar ao Concello, situación que de chegar a materializarse supora novos atrasos e máis gastos, tanto para os propietarios como para o propio Concello, e todo por culpa de que o PP de Sanxenxo non foi capaz de asumir a súa responsabilidade. Nas últimas semanas parece que o Concello “donde dixo digo, quere decir diego”, porque logo de asumir en varios informes a súa responsabilidade e recoñecer a súa a obriga de rematar a obras, agora parece que quere disimular a súa total incapacidade, poñendo todo tipo de excusas: “que faltan os permisos de industria”, pois tivo dous anos para comprobalo e solicitalos dende que asumeu a súa obriga como axente urbanizador, “que algunhas das obras realizadas non se axustan a proxecto”, e por que non se informou e levantou acta destes supostos cambios cando se incautou o aval. Dende ANOVA Sanxenxo tampouco podemos aceptar que se diga agora que o Polígono “está feito un desastre”, cando o propio Concello, é membro da Xunta de Compensación e do Consello rector da mesma e ten ademais a labor de inspección urbanística das obras. Significa esto que tanto a Xerencia de Urbanismo, como o Concello de Sanxenxo e o propio Equipo de Goberno non están a cumprir coas súas obrigas??. Tamén nos gustaría que se explicase que pasou cos 2.585.000 Euros do aval, onde están depositados ou se foron xa gastados polo Concello noutras cuestións??? Dende o Grupo Local de ANOVA Sanxenxo demandamos que dunha vez por todas o Concello de Sanxenxo tome as medidas necesarias para obter todos os permisos precisos, rematar as obras de urbanización e recepcionar o Polígono Industrial, permitindo a instalación de empresas. So nos cabe interpretar como incapacidade que en dous anos non foran capaces de facer nada ao respecto, mentres no Concello de Sanxenxo están pechando empresas e hai máis de 1.800 persoas inscritas no desemprego, cunha tasa de paro que supera o 22%

No hay comentarios:

Publicar un comentario