13 jun 2013

AGE acusa á Xunta de vender fume e desbaldir os cartos europeos para o Hospital do Salnés

A Xunta do señor Núñez Feijóo continúa producindo fume e propaganda en grandes cantidades. Desta volta, tócalle ao Hospital do Salnés, condenado a non ser máis ca, en palabras do deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Juan Fajardo, “un ambulatorio grande”. “E isto pode producir mortes”, engadiu Fajardo na comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, en que se debatían propostas de PSdeG e BNG sobre a necesaria ampliación da infraestrutura. A proba, e así o expresou o parlamentario de AGE sen que o Partido Popular o negase, é que a ampliación non se realizará este ano. Esta circunstancia provocará que se perdan 6.000.000 de euros prometidos para ese particular, que dependen de fondos europeos e que se non se gastan este ano, serán retirados.

“Só o enorme compromiso dos seus profesionais evita que se converta nunha especie de corredor da morte”, afirmou Fajardo. Antes lembrara a longuísima restra de promesas do PP incumpridas, incluídas as escritas pola deputada da dereita Marta Rodríguez Arias no seu blog cando gobernaba o bipartito. “Era unha cuestión que o PP reclamaba de maneira belixerante cando estaba na oposición”, recordaba o membro de AGE. As demandas da comarca do Salnés referentes ao hospital inclúen a habilitación dunha Unidade de Coidados Intensivos, quirófanos –esixidos por Rodríguez Arias na mesma comisión en 2007-, a mellora do servizo de urxencias ou unha unidade de reanimación.    

12 jun 2013

Feijóo pretende converter Galicia nunha esterqueira co plan mineiro

O denominado plan de actividades extractivas da Xunta do señor Núñez Feijóo converterá Galicia “nunha esterqueira”. Así llo explicou esta mañá na sesión de control a viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, ao presidente. “Vostede regala o país por anacos e quere convertelo nunha colonia vendida ás transnacionais”, afirmou, “e mentres a comarca de Ferrol está en guerra contra as súas mentiras, vostede está a prol de furar a terra coas minas a ceo aberto”. O proxecto do Goberno do PP permitirá habilitar calquera parte do territorio para extraer metais e minerais. É dicir, calquera lugar será susceptíbel de mudar en mina.
“Pero é que ademais quere envelenar a terra, porque vostede sabe moi ben que se precisa tonelada e media de cianuro para extraer uns gramos de ouros”, engadiu Díaz. O señor Núñez apenas respondeu máis que con vagas apelacións ao seu presunto respecto pola legalidade. Mentres o seu Executivo asente ao espolio nacional, ao que, en palabras da viceportavoz de AGE, “é o modelo Eurovegas en Madrid, aquí as minas a ceo aberto”, o presidente da Xunta inventa –en sede parlamentaria- cifras sobre os supostos empregos que crearán as explotacións mineiras.

O PP négase a que a Xunta só contrate con empresas que respectan a legalidade laboral

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dunha moción defendida pola deputada Consuelo Martínez, volveu esixir no Parlamento de Galicia que a Xunta só contrate empresas que cumpren coa legalidade laboral. “Parece incríbel”, admitiu Martínez, “que haxa que vir ao Parlamento para lle pedir ao Goberno que cumpra a lei”. A parlamentaria de AGE enumerou casos concretos de compañías que traballan para a Administración autonómica mentres violan leis, convenios e dereitos laborais. Entre elas, algunhas condenadas por non cotizar á seguridade social, por contratar esquirois durante as folgas, por non aplicar os convenios colectivos ou por non respectar os dereitos laborais de, por caso, as nais.

Logo de aceptar unha emenda de transacción do PSdeG, a moción de Alternativa, apoiada por toda a oposición, foi rexeitada polo PP a través dun deputado prepotente e máis de argumentos limitados que se dedicou a amparar a empresas contratadas pola Xunta que non cumpren a lei.

 

11 jun 2013

AGE esixe unha solución política para o calote das preferentes

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) manifesta a súa repulsa pola nova viravolta dos gobernos prisioneiros da troika de Compostela e Madrid no calote das preferentes e esixe que NCG Banco suprima o prazo para solicitar a arbitraxe anunciado onte. Segundo o novo requirimento, explicado por unha entidade agora mesma propiedade do Estado a través do FROB, o vindeiro luns 17 de xuño rematará o tempo para “revisar e aceptar” 21.200 casos de arbitraxe de vítimas das preferentes e as subordinadas. Para AGE, a solución ao roubo organizado pola banca nas denominadas participacións subordinadas e preferentes só pode ser política a través da negociación entre o señor Núñez, Marino Rajoy e o FROB. Porque NCG Banco, arestora, pertence ás arcas públicas e o gasto que implicaría devolver aos aforradores o total das cantidades estafadas non resultaría. Pero isto sería posíbel se o señor Núñez exercese de presidente de Galicia e non de recadeiro da troika e de mandado de Rajoy no seu brutal ataque contra as clases traballadoras.

8 jun 2013

Iniciativa presentada por Age no parlamento sobre o colexio "o Cruceiro" de Vilalonga



O pasado 2 de maio os deputados de AGE , Ramón Vázquez Díaz e Xabier Ron Fernández,visitaron o colexio do Cruceiro en Vilalonga.Na citada visita comprobaron o estado lamentable no que se encontran as instalacións educativas.E como resultado presentaron no rexistro do Parlamento a Proposición non de Lei para o seu debate en Comisión, relativa ó inicio da construción do novo colexio en Vilalonga no Concello de Sanxenxo. O grupo local de ANOVA – Irmandade Nacionalista en Sanxenxo quere expresar o seu apoio as reivindicacións dos pais e nais do Colexio de Educación Infantil e Primaria “O Cruceiro” de Vilalonga por ter unhas dependencias dignas para levar aos seus fillos a escola.



5 jun 2013

A máxima responsable do marisqueo recoñece a necesidade de reducir a idade de xubilación das mariscadoras

O deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Juan Manuel Fajardo, destacou na comisión parlamentar celebrada esta mañá a necesidade de traballar para reducir a idade de xubilación das mariscadoras no noso país idea que obtivo o respaldo da máxima responsable do sector do marisqueo en Galicia. As xustificacións aportadas polo deputado de AGE baseábanse nas duras condicións desta actividade que coincidiu en sinalar a directora xeral.
Dado que a directora xeral de desenvolvemento pesqueiro, Susana Rodríguez, recoñeceu ao deputado de AGE o inadecuado de que traballadoras de máis de 65 anos teñan que continuar baixando ao mar máis aló dos 60 anos, AGE trasladará, a través dunha iniciativa parlamentar, a necesidade de incrementar os coeficientes redutores que permitan a xubilación a menor idade das mariscadoras, ao tempo que o grupo parlamentar continuará a traballar por reducir a idade de xubilación do conxunto de traballadores e traballadoras do país.


4 jun 2013

O PP está a asfixiar a educación no rural coas súas ‘políticas de volta atrás’

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) insiste na necesidade de loitar contra a actual situación de abandono que está a sufrir o rural no noso país establecendo un plan con actuacións transversais nos que a mellora da política educativa constitúe un das claves. Os deputados Xabier Ron, Ramón Vázquez e Antón Sánchez reuníronse esta mañá con representantes da Mesa Galega de Educación no rural para tratar a situación de asfixia que se está a vivir no rural a causa das políticas de volta atrás impulsadas polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez.
O PP está a asfixiar a educación no rural coas súas 'políticas de volta atrás'  
Os deputados de AGE e os membros da Mesa coincidiron en sinalar como urxente a posta en marcha de iniciativas orientadas a loitar contra a situación de abandono que está a provocar a actual política do Partido Popular no goberno galego coa que está a provocar o desmantelamento do medio rural no seu conxunto. Por iso, desde Alternativa Galega de Esquerda se insiste na necesidade de elaborar un plan de fomento do rural desde unha perspectiva transversal onde se integren accións de fomento da economía, infraestruturas, servizos, educación…