Xosé Manuel Beiras acusa á Xunta de considerar superfluos os cidadáns
“mentres non se converten en súbditos”. O portavoz de Alternativa Galega de
Esquerda denuncia que a conselleira de Facenda “ten o mérito dos computadores,
métenlle o programa e recítao sen importarlle o que acontece”
A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, realizou unha inocua comparecencia
no Parlamento de Galicia para, teoricamente, explicar as liñas de traballo do
seu departamento. Pero o que expuxo foi unha serie de lugares comúns do
ultraliberalismo, o sometemento da Xunta ao débedocracia e aos mandados da
troika e unha brutal insensibilidade respecto do sufrimento e a dor que as súas
políticas causan nas maiorías sociais. “O que acontece é que para vostedes os
cidadáns son superfluos”, acusou Xosé Manuel Beiras, portavoz de Alternativa
Galega de Esquerda (AGE), “polo menos mentres non sen converten en súbditos”.
Non só iso. Segundo Beiras, a
falta de ética preside as actuacións do PP, aquí e acolá. “Porque vostedes fan
política a prol dunha clase social, ou nin sequera, a prol dunha oligarquía”,
denunciou, “pero non o din; dígano, teñan a coraxe de sacar a máscara, como
sacou Thatcher. O contrario é unha farsa, unha fraude aos seus electores, algo
inmoral”. Case sete meses despois da súa toma de posesión, a responsábel de
Facenda do Goberno de Feijóo non foi quen máis ca de repetir o mantra da
austeridade criminal que afoga o sur de Europa. “Vostede ten un enorme merito”,
admitiu ironicamente Beiras, “o mérito dos computadores. Métenlle un programa e
recítao pase o que pase na realidade. Haberá que desenchufar o computador,
logo”.
Mentres, a dereita, a través da conselleira e do deputado Pedro Puy hoxe
no pleno do Parlamento de Galicia, continúa a defender a folla de ruta que leva
ao país cara ao abismo. Sen complexos. “Chuchan o sangue da xente do común para
resolver o fiasco da banca”, apuntou o portavoz de Alternativa. E o PP anunciou
que seguirá a aplicar políticas cuxa realización empírica xa amosou que non
funcionan, de non ser que o obxectivo verdadeiro das mesmas sexa reducir as
clases traballadoras á escravitude. “Nesta colonia periférica do protectorado
español do IV Reich”, afirmou eiras, “vostedes compórtanse como unha UVI que
para aforrar gasto reducen o tratamento dos pacientes”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario